Monday 29 de April de 2024

O concello adxudica a rectificación do vial de acceso con motivo da ampliación de Urxencias no Hospital da Barbanza


O Sergas vén de formalizar o contrato de redacción do proxecto

O Concello de Riveira informa de que no día de hoxe se procedeu á adxudicación dunha obra municipal consistente nunha rectificación do vial situado fronte a área de Urxencias da Hospital da Barbanza para permitir a súa ampliación. Neste senso, a empresa Excavaciones Abelleira, S.L., resultou a entidade adxudicataria, cun importe económico de 45.223,42 euros.

Por outra parte, e tal e como saíu publicado fai uns días no Diario Oficial de Galicia (anuncio con data 5 de abril), a Xunta formalizou o contrato en virtude do cal, por un importe de 51.110,40 euros, IVE incluído, será a UTE formada por Naos 04 Arquitectos e Manuel Vázquez Muíño a que se encargue da redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección de obra da reforma e ampliación da área de Urxencias. Isto significa que o Concello cumprirá sobradamente co seu compromiso de ter corrixido en tempo o vial en cuestión, xa que execución da actuación municipal non excederá dun mes.

Compre lembrar que a obra encargada polo Concello está motivada por que a ampliación de Urxencias prevista incorporará a esta área a zona cuberta pola que actualmente entran as ambulancias.

Explanada para ambulancias
Así, en liñas xerais, a obra redactada polos servizos do Concello consiste na construción dun muro de contención de perpiaño que permitirá crear unha nova explanada de acceso a ambulancias e no desprazamento da vía cara o terreo boscoso colindante. Para isto será necesario proceder ao desbroce do mesmo e á demolición do aglomerado e da beirarrúa actual, executando a continuación o movemento de terras que precisa a nova rasante da estrada proxectada. Será necesario tamén desprazar tres farolas e unha hidrante, así como a instalación dunha nova rede de pluviais.

O novo vial terá un ancho similar ao existente (7 metros nos tramos rectos e 8 na curva) e levará adosada unha beirarrúa de 1,5 metros en toda a súa lonxitude. A zona de rodadura será pavimentada con aglomerado en quinte tipo AC16 surf D e a beirarrúa cunha capa de formigón HM-20.

[Información sobre a contratación da redacción do proxecto básico e de execución e da dirección de obra de reforma e ampliación da área de urxencias no Hospital de Barbanza:
http://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=53257]